No pasado mes de xuño tiña a honra de ser a pregoeira da Feira do Libro de Redondela, una vila chea de cultura, festas e xente comprometida. Aquí deixo o meu pregón por se é do voso interese.
«Moi boa tarde a tódolos presentes, autoridades do concello de Redondela, asociación de libreiros de Galicia, persoas que fixeron posible un ano máis esta Feira do Libro e, moi en especial, boas tardes a tódalas xentes lectoras de Redondela.
Non podo deixar de empezar agradecendo o voso amable convite para ler estas verbas, o pregón, por ter pensado en min para principiar este evento de libros, daquela tamén poderíase dicir, esta festa do pensamento. É un grande honor acompañarvos hoxe neste primeiro día de feira.
Cando aínda non somos quen de erguer a cabeza pola fonda dor dos rapaces, Bieito, Sofía e Sara, o meu máis sentido pésame as súas familias e amigos…
Dicía Albert Einstein que a nosa imaxinación é máis importante, máis poderosa aínda ca o coñecemento, cando menos en momentos de crise e de cambio, no que cómpre tomar decisións que non sempre son doadas. É claro que o coñecemento acádase sobre as cousas que xa sabemos, as que temos identificadas, as que recoñecemos. E ten certa limitación, o coñecemento, neste senso en concreto. A imaxinación permítenos, porén, ir máis aló do coñecido, afastarnos case que todo o que desexemos, ou o que a nosa mente nos permita, e viaxar por mundos novos, ás veces ata fantásticos, que só existen no interior de cada un de nós…
En sendo cativa, lembro pasar no coche do meu pai por diante da referente fábrica do téxtil de Redondela. Namentres no coche os demais falaban, pelexaban ou cantaban para pasar o tempo da viaxe, eramos catro irmáns e ás veces todos estabamos a berrar-, eu fitaba apampada dende o automóbil aquelas pequenas fiestras, dispostas todas de seguido, tras as que eu sabía ben que andaban a faenar uns centos, ou pode que milleiros de ratos, capitaneados por un sorrinte e aquelado Rato Pérez. O Rato Pérez daba as ordes e alí ninguén paraba de traballar. Imaxinaba todo canto podía mesmo naquel intre e despois, cando xa quedaba atrás a construción, non paraba de pensar en todo o que andaban a facer aqueles ratiños, sentados naquelas pequechas cadeiras. Quedaba calada. Na miña cabeza xa imaxinara todo…
Esta é a miña primeira lembranza desta Vila da cultura, que levo achantada de sempre comigo, e con moito celo, e á que seguen moitas vivencias máis, ademais de xentes coñecidas e podo dicir tamén por sorte, grandes amigos.
É a imaxinación, ao cabo, a nosa creatividade, a enerxía do pensamento que nos fai medrar como persoas, como sociedade, co eido de ir adaptándonos ao entorno que muda. Disto que falo, de seren creativos, pioneiros e innovadores, abondo sabedes as xentes de Redondela, que de sempre convivides e traballades arreo neste fermoso val. Empresas de sona internacional e profesionais que despuntaron nunha ampla e curiosa variedade de actividades: dende conserveiras e salgadoiras, ata fábricas de cepillos e industrias do téxtil; dende periodistas ata pedagogas, mestras, políticos, deportistas, médicos, científicos, escritores, poetas… e ata trobadores que escriben lindas cantigas de amigo para cantar a beleza da Illa que protexe a calma enseada. De seguro me quedaron moitos exemplos ao tras.
Tamén sabe disto o concello, que dende hai séculos coida da lingua e cultura galegas, e loita pola igualdade dos dereitos de tódalas persoas, loita sen acougar contra a violencia de xénero. Ben que o sei. Hai dous anos aínda estreabamos a curtametraxe Miña, dirixida por Mikel Cassidy e que eu protagonicei, para facer unha homenaxe ás mulleres que non foron quen de escapar da violencia. E non imos parar. Tamén lembro da xente comprometida de Redondela.
Porque neste exemplar cruce de camiños, de viadutos, augas e ríos, tamén se axuntan dun xeito alegre, festeiro e harmonioso, as súas xentes creativas, e organízanse festivais internacionais de títeres, música, curtas, festéxanse a coca, o choco, a mazá, a orella, ironízanse nos Maios, divírtense nas Espadas, co Meco. E por suposto, nos furanchos…
Xamais queda atrás a imaxinaría nesta Vila festeira que non deixa esquecer nin as tradicións nin a cultura do pobo.
A creatividade, di tamén o científico Einstein, é a intelixencia divertíndose. E nesta feira do libro de Redondela, os libros, que están ateigados de intelixencia, tamén brincan, tamén festexan a cultura, falan a nosa lingua tamén, e seica salvagardan entre as súas follas, a creatividade dos nosos devanceiros e a dos escritores actuais, para que perdure para os que han de vir. A escrita é un grande tesouro, como é tamén a lectura dos libros que nós, escritoras e escritores, facemos con todo o agarimo e sensibilidade, como facían os ratiños agochados naquela fábrica.
Moitas grazas pola vosa atención, que teñades moi boa feira.»